16 de xuño de 2017

KIRCHNER

RÚA DE BERLÍN






CATALOGACIÓN
Trátase dun oleo sobre lenzo, 1913 que se atopa actualmente no MOMA de New York.
é unha obra pertencente á corrente do expresionismo alemán, en concreto ó grupo Die Brucke, “A ponte”, da que Kirchner foi o creador e máximo expoñente.
Pertence a toda unha serie de cadro nos que Kirchner tentou representar a bulliciosa vida urbana pero non dun xeito amable e alegre como podía ser o Paris de Renoir, senón a través da sensación angustiosa que transmite todo ese ruído, ese movemento as luces e a aglomeración de xente nas rúas. A súa relación con Berlín é unha relación de amor-odio, observandose nos seus cadros unha ollada ambigua entre fascinación e repulsión.
Neste caso temos a dúas mulleres ben vestidas  e pintadas, dúas prostitutas, olladas de esguello por un home vestido de negro, nun entorno no que se poden ver vibrantes cores e moitas máis personas que as arrodean.

CONTEXTO
...
Basicamente o expresionismo é a deformación da realidade para expresar dun xeito subxectivo á naturaleza e ó corpo humán, primando a expresión dos sentimentos dos artistas por encima da representación obxectiva da realidade. Hai autores do pasado que xa se “expresaron” deste xeito e polo tanto poderían encaixar nesta definición e mesmo poden ser considerados como antecedentes desta corrente: Grünewald, El Greco, Goya,...
Tamén os románticos primaron o sentimento por enriba da razón e por eso o Expresionismo pode semellar un novo Romanticismo ó primar a plasmación dos estados de ánimo do artista sen procurar a beleza ou renunciando ós valores estéticos.
O noruego Munch e o belga Ensor foron os pais da corrente expresionista de principios do século XX que se desenvolve na Europa Central. Realizaron unha obra atormentada, de cores violentas, rostros esqueléticos e situacións angustiosas, por medio de amplas e crúas pinceladas.
En realidade habería que falar de varios expresionismos, pois a este grupo inicial de Munch seguiron os grupos alemáns denominados A Ponte (Die Brücke), O Xinete Azul (Der Blaue Reiter) e a Nova Obxectividade. Todos desenvolven a súa actividade no período previo á Primeira Guerra Mundial, amosan unha pintura moito máis reivindicativa, e derivan nalgúns casos cara á abstracción e ó cubismo.
O Expresionismo alemán nace en Dresde con esa corrente chamada Die Brucke liderada por Ernst Ludwig Kirchner. Heckel, Pechstein e Schmidt-Rottluf son, con Kirchner, os membros orixinais do grupo os que se propoñen traballar en común e revisar xuntos como un colectivo as obras, expoñendo tamén en grupo. O nome do grupo procede da idea de Nietszche de que para a humanidade a vida non era un fin en si mesmo senón unha ponte para un futuro mellor. O grupo trasladouse a Berlín en 1913 e pouco despois ó comezo da 1ª Guerra Mundial disolveuse. Como características comúns destos artistas están as cores estridentes, os trazos e liñas caóticas e angulosas e os temas cheos de ansiedade amosando as inquedanzas psicolóxicas do autor.
Pouco máis tarde, e 1911 en Munich, xurde a outra corrente expresionista alemana cos artistas Kandinsky, Macke, Marc e Klee que se agrupan no colectivo chamado Die Blaue Reiter (o xinete azul). Os seus métodos son radicalmente diferentes ós de Der Brucke, optando en vez da violencia destos unha visión máis lírica, espiritual e refinada, por eso non é estrano que acabasen derivando como Klee e Kandinsky na abstracción.
Por último tamén poderíamos falar doutros artistas expresionistas non adscritos ás correntes anteriores como os alemáns Otto Dix e Georges Grosz ou os austríacos Oskar Kokoschka e Egon Schiele.
Os expresionistas sentiron tan intensamente o sufrimento humano, a pobreza, a violencia e a paixón que se inclinaron a crer que insistir na harmonía e na beleza na arte só era posible se se renunciaba a ser honrado. Querían afrontar os feitos nus da nosa existencia e expresar a compaixón polos desherdados aínda mellor se era a costa de sacar ós burgueses das súas casillas.

ANÁLISE
O obxecto do cadro non é a cidade senón a experiencia psicolóxica do individuo nesas cidades superpoboadas.
Dúas figuras femininas avanzan pola beirarrúa da cidade, son as verdadeiras protagonistas pola súa posición central, trátase dúas prostitutas sorrintes, elegantes e glamourosas pero tamén símbolo do mercantilismo e decadencia na que caeu a sociedade. Os seus rostros non son realistas e tampouco hai relación entre elas e o home vestido de negro que hai á dereita do cadro. É unha forma simbólica de representar a angustia da nosas sociedade, reforzada con esas figuras que se inclinan e desparraman polo lenzo hacia nos. A sensación é claustrofóbica como debeu ser a experiencia de Kirchner nesas rúas de Berlín. “Canto máis me misturaba coa xente máis só me sentía” escribiu Kirchner sobre a súa experiencia ó chegar a Berlín.
A perspectiva deformada con esos edificios inclinados e esas liñas diagonais desestabilizan a escena. O mesmo espazo resulta opresivo, vemos a calzada pola que circula un coche, pero son nas beirarrúas -especialmente a da dereita- onde domina a sensación de masa sofocante: neses homes burgueses, de gabán e sombreiro, seres indistinguibles sumidos na propia soidade.
As cores arbitrarios, intensas e conflictivas reforzan esa mesma sensación de angustia. E o tratamento das figuras con esas liñas angulosas nos rostros que semellan máscaras, na anatomía xeometrizada, na vestimenta acaban de completar o cadro nesa vertente inquietante da que falamos.
Sabemos que Kirchner paseaba constantemente por Berlín, disfrutando do anonimato que lle permite a gran cidade, tomando notas ó natural, atraído sobre todo por esas “cocottes” que para el era un resumo da vida berlinesa e que se convirten en protagonistas de moitos destos cadros da súa serie “escenas de rúa”. Logo no estudo facía esos cadros usando como modelos a súa moza Erna Schilling e a súa irmá Margaritte. A súa moza en palabras de Kirchner era o gran modelo das súas figuras femininas, dela afirmaba que tiña “un corpo fermoso e arquitecturalmente estructurado”. Non esquezamos que Kirchner estudara arquitectura en Dresde e nos seus cadros sempre observamos unha gran influencia da arquitectura na representación humana e nas formas.
As raias do sombreado, as liñas inclinadas e a angulosidade das formas transmite unha sensación de movemento que se emprega de xeito expresionista para multiplicar esa sensación xa mencionada da vibrante noite berlinesa. Esta preocupación polo movemento é unha clara influencia do futurismo italiano.
En canto á pincelada esta é moi solta e dinámica servindo a subliñar todo o comentado anteriormente.

Outros cadros de rúa de Kirchner… ós que se lles poderían aplicar as mesmas características do anterior aínda que na de Dresde as liñas son máis sinuosas e curvas que nas obras berlinesas.


Captura de pantalla 2017-03-05 a las 0.14.31.png
Rúa, Dresde 1907
ESCENA+EN+UNA+CALLE+DE+BERLIN+1913.jpg
Escena de rúa de Berlín, 1913




CURIOSIDADES: ARTE DEXENERADO
Hitler era un amante da arte, intentou por dúas veces ingresar na Academia de Belas Artes de Viena e, pese ó fracaso, dedicouse durante tempo a pintar postais e intentar vendelas, con pouco éxito lamentablemente. ¡ mágoa que non o acompañase o talento artístico, ó mellor tería seguido outros derroteiros !.
A arte que amaba era a de formas clásicas heroicas, as que ensalzaban a obediencia, a pureza da raza, o militarismo... As preferencias do "xefe" impuxéronse como un medio ó servizo da propaganda: todo o que non respondía ás premisas establecidas era "arte dexenerado", tildado de "comunista", "xudeu" e "non alemán".

Respecto dos artistas dexenerados, prohíbolles someter o pobo ás súas experiencias. Se de verdade ven os campos azuis están dementes e deberían estar nun manicomio. Se só finxen que os ven azuis son criminais e deberían ir a prisión. Purgarei a nación da súa influencia e non permitirei que ninguén participe na súa corrupción. O día do castigo está por vir.
Na práctica significou a prohibición, requisa e destrución da obra de moitos artistas e, entre eles da de Kirchner. A fin de exemplificar o que non se podía facer organizaron unha exposición así titulada: ARTE DEXENERADO (Entartete Kunst), na que o público condenaría as obras expostas. Por suposto que non se libraron desta etiqueta obras de cine ou de teatro, libros e música, por exemplo o jazz.
O seu pintor favorito, Adolf Ziegler, encargouse de requisar de todos os museos e galerías obras cubistas, expresionistas, impresionistas, abstractas, surrealistas, dadaistas,... máis de 5.000 obras e máis de centenar de artistas (Picasso, van Gogh, Matisse, Chagal, Nolde, Kandinsky,...). A exposición inaugurouse en Munich no 1937, en paralelo a A grande exposición da arte alemana, coas mostra da arte dos artistas que contaban co beneplácito do réxime nazi. O contraste entre as dúas era notable non só polo contido senón polas formas: orde, amplitude e limpeza nunha e caos na outra, ademais de acompañarse de textos despectivos -"insulto á muller alemana", "natureza vista por unha mente enferma"- e fotografías de persoas con malformacións. Compara


O éxito decantouse pola banda dos dexenerados que recibiu case catro veces máis visitantes que a da ortodoxa arte nacionalsocialista.
Despois de viaxar a outras cidades as obras da mostra pasaron á poxa se ben poucos se atreveron a puxar por elas. Moitas, consideradas menores, foron queimadas.
Curiosamente mentres eliminaban as obras dexeneradas, os nazis saquearon as obras que lles gustaban nos países ocupados, non tanto polo interese estético, que tamén, como polo valor económico, era un medio claro de obter recursos. Goering foi un coleccionista avaricioso da arte espoliada pero tamén se apropiou de obras dexeneradas de Matisse ou Cezanne para o seu disfrute persoal.
As forzas aliadas a través dos Monument Men recuperaron moitas obras agochadas polas autoridades nazis en diferentes depósitos.










0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir