12 de out. de 2012

FRONTÓNS DO PARTENÓN





Image Map

Ambas imaxes pertencen ó frontón oriental. A imaxe 1 corresponde ó lado esquerdo e  imaxe 2 ó lado dereito



CATALOGACIÓN (grupo das tres deusas, lado dereito do frontón oriental)
Recoñecemento da obra. Grupo escultórico figurativo pertencente ó frontón oriental do Partenón no que se narra o nacemento de Atenea en presencia das deidades olímpicas. O templo levántase no parte máis relevante da Acrópole de Atenas.
Tema e personaxes representados. O tema é mitolóxico. Segundo a mitoloxía, Atenea naceu, adulta e armada, da cabeza de Zeus, como a encarnación dunha idea. A parte central, hoxe perdida, amosaría o nacemento e cara ós lados distribúense deuses e deusas, neste caso estas tres figuras femininas do lado dereito son interpretadas como Leto, Artemisa e Afrodita (para outros, Hestia, Dione e Afrodita; e aínda outros as interpretan como as Parcas). Nos extremos angulares, o espazo de menor cabida, asoman as cabezas dos cabalos das cuadrigas de Selene, a Lúa, e Helios, o Sol.
Función. Se xa o Partenón estaba dedicado a Atenea, a deusa protectora da cidade, tamén os frontóns serven a honrar a deusa narrando o seu nacemento neste frontón e o seu triunfo sobre Poseidón polo dominio da Ática, no frontón occidental.
Técnica. Tecnicamente trátase de escultura exenta pois como tal están labradas, sen embargo ó se adosar ó tímpano do frontón convértense nun relevo, nun relevo de gran volume que chega incluso a superar o marco físico que o acolle.
Material. Está realizadas en mármore branca do Pentélico.
Estilo e datación. Pertence ó período clásico da arte grega, séculos V e IV a.C., entre o fin das guerras médicas e a morte de Alexandre Magno no 323, máis exactamente ó clasicismo pleno da segunda metade do s. V a.C., que coincide co goberno de Pericles quen encargou a reconstrución e embelecemento de toda a rocha sagrada despois da súa destrución polo exército persa de Xerxes no 479 a.C.
Autoría. O conxunto escultórico de todo o Partenón (Atenea Parthenos, metopas, friso das Panateneas e os dous frontóns) son obra de Fidias e dos traballadores do seu obradoiro. Neste caso faise ben patente a man de Fidias no tratamento de panos e na composición, como logo indicaremos. 
A morte de Pericles supuxo a caída en desgraza do escultor que foi acusado de quedarse con parte do ouro da Atenea Parthenos e, a pesares de demostrar a súa inocencia, acabou sendo encarcerado acusado de impiedade baixo o pretexto de ter incluído o seu retrato baixo o escudo da deusa. Rematou por exiliarse en Olimpia, onde para o seu santuario esculpiu unha estatua crisoelefantina colosal de Zeus, considerada unha das sete marabillas do mundo (hoxe perdida).
Certamente a beleza e grandiosidade das súas esculturas xustifica que se lle chamara o escultor dos deuses.
Localización. Non se pode rematar sen aludir á problemática destes mármores, os coñecidos como mármores de Elgin. Lord Elgin, embaixador británico no Imperio Otomano á quen pertencía Grecia, obtivo permiso a primeiros do s. XIX para levar da Acrópole calquera peza que encontrase derrubada. Quería decorar a súa mansión escocesa. Pero ademais de recoller o que estaba no chan arrancou metopas, parte do friso das Panateneas e dos frontóns, ademais de diversos elementos arquitectónicos, para o que houbo que cortar as pezas destruíndo parte do edificio. Posteriores problemas económicos obrigáronlle a vender as pezas ó goberno británico quen, superando certas reticencias no Parlamento, os comprou. Pasaron a ser expostos no Museo Británico, onde permanecen na actualidade pese ás insistentes reclamacións dos gregos (recordar o comentado ó falar do Partenón).

CONTEXTO
Grecia non constituía un estado ................
................
.... (mundo das ideas de Platón) por medio da proporción, o equilibrio e a harmonía. 

No campo da escultura está presente a influencia exipcia nas primeiras obras en vulto redondo do período arcaico, pero desde aí os escultores avanzan na procura do movemento, da expresión de sentimentos, da beleza por medio da idealización (a beleza é medida, proporción e harmonía) e do volume Os principais escultores desta etapa son, xunto con Fidias, Mirón e Policleto 

ANÁLISE
A primeira dificultade que o escultor tiña que afrontar era o espazo destinado á obra, un triángulo de grandes dimensións (máis de 30 m de longo e case 1 m de profundidade). Ademais debía narrar uns feitos que, aínda que mitolóxicos, eran por todos coñecidos e narralos dun xeito ordenado e claro.
O primeiro problema queda solventado coa labra exenta das colosais figuras suxeitas ó tímpano por medio de barras metálicas, e coa súa colocación no primeiro plano, incluso nalgúns casos parte da escultura excede a cornixa, por exemplo as cabezas de cabalo (ver exemplo). Está claro que esta configuración está determinada pola visión de abaixo-arriba que fai o espectador, é dicir tiñan que ser o suficientemente visibles para acadar o seu significado.
O segundo problema, que ten que ver tamén coa necesidade de proporción (compara o que pasa neste frontón de Corfú, sometido á lei do marco) ven resolto variando a disposición e as posturas. No centro estarían de pé (Atenea) ou sentados en altos tronos (Zeus e Poseidón), desde aí e ó abeiro da pendente do triángulo, as figuras aparecen sentadas, recostadas, tombadas, individualmente ou en grupos, ata chegar ós ángulos coas cabezas dos cabalos. Deste modo lograse manter a proporción.
E a fin de dinamizar a composición, aínda que sen perder o equilibrio, establece grupos e xera un movemento que se expande desde o centro coas aptitudes e as miradas, nin sequera Zeus ocuparía o centro xeométrico da composición senón que estaría un tanto desviado á esquerda, rompendo así a estrita simetría. Nada se repite, todas as posturas son distintas, cambia a disposición das pernas, dos brazos, das cadeiras e das cabezas. Introduce marcados escorzos como nos xeonllos que se proxectan con contundencia cara ó espectador.
Hai nesta asemblea de deuses serenidade e maxestosidade, humanidade nas relacións, pero tamén movemento como se constata na axitada túnica - o khiton- de Iris, movida polo vento na súa veloz carreira (¿para dar a coñecer a noticia?) e no manto que se infla coma unha vela.
No tratamento escultórico apreciase a técnica fidíaca: elegancia nas disposicións; grave serenidade nos rostros -nos poucos que se conservan-; adecuación a un canon clásico próximo ó das sete cabezas do Dorífero de Policleto;  ampulosas roupaxes con moitas pregas tratadas como panos mollados que transmiten as anatomías -osos e músculos-, crean volume, aportan sensualidade e xeran un forte xogo de luces e sombras; diferencias de texturas (fíxate na imaxe inferior) nas telas, sobre o delgado e lixeiro himation que cae en finas pregas, un pesado khiton de pregas máis amplas e fondas.
A pericia na disposición das figuras vai acompañada dun novo logro recentemente descuberto: a plasmación do corpo humano en calquera posición ou movemento podía servir para reflectir a vida interior, estaba a representar os movementos da alma, unha maior expresividade que supera o insulso equilibrio espiritual do período severo.
Indicar tamén que se supera a frontalidade, e así  neste grupo das tres deusas xoga con tres disposicións diferenciadas de esquerda a dereita: frontal, diagonal e de perfil. Á dereita Afrodita, contempla, allea ó que sucede, a inmersión do carro de Selene nas ondas do océano. A deusa da esquerda, semella estar a piques de levantarse disposta a participar nos acontecementos que suceden á súa dereita. Iso si o escultor tende sempre a que ombreiros e rostros xiren cara ó espectador.
É preciso recordar que  as esculturas estaban policromadas, ás veces en cores moi vivas, das que quedan algúns restos especialmente nas vestimentas, e que a miúdo contaban con engadidos de metal. (restos visibles de pintura na imaxe da esquerda; abaixo, unha hipótese)




Como anotación engadida, destacar que a pegada de Fidias perviviu no tempo, o Adán de Miguel Anxo na Capela Sixtina moito ten que ver na súa disposición coa personificación do río Ilissos que aparece no frontón occidental. Observa a semellanza.




CURIOSIDADES: O VALOR DUNHA XARRA
Cando as críticas comezaron a ceibarse sobre Pericles, Fidias correu similar sorte: foi denunciado diante da Asemblea de roubar parte do ouro destinado á estatua da Atenea Parthénos e de blasfemia por esculpirse a si mesmo no escudo da deusa. Se da primeira acusación foi absolto, a segunda rematou nunha condena a nove anos de cárcere.
Cumprida a pena, abandona Atenas e marcha a Olimpia para esculpir a estatua de Zeus, unha das sete marabillas do mundo antigo.A obra non chegou ata nós, coñecémola por moedas e polas descricións, sobre todo de Pausanias (Descrición de Grecia V-XI) e de Estrabón. Así din, o primeiro sobre a calidade e o segundo sobre o tamaño:
[...] Para min, só direi que a habilidade do traballo foi aprobación do mesmo Zeus, despois que Fidias lle deu os últimos toques á súa estatua, pregou a deus que lle dera sinais da súa aprobación, e que entón din que o pavimento do templo foi alcanzado por un raio, onde aínda vemos unha hidria de bronce con tapa.
Aínda que o templo é moi grande, a estatua de Zeus sentado, case toca o teito coa cabeza. Temos a impresión de que se levantara rompería o teito do templo
Para realizar a estatua construíuse, ó oeste do templo, un pequeno edificio exclusivamente para o taller de Fidias. Os traballos de escavación en Olimpia sacaron á luz, baixo dunha basílica posterior, o taller do escultor. No interior recuperáronse numerosos utensilios de traballo, xoias, moldes de arxila, residuos de materiais empregados como marfil, un pequeno martelo de bronce para ourivaría,...
Maqueta do taller de Fidias e localización -en verde- en Olimpia. En azul o templo de Zeus
Achados do taller: ferramentas, molde de arxila para xoia e outro para as pregas do vestido do deus
Pero a descuberta de maior interese foi un pequeno oinochoe -unha pequena xarra- vernizado en negro cunha inscrición na base: pertenzo a Fidias

Tendo en conta que as descubertas do taller pódense datar entre o 440 e o 430 a.C., e sabendo que o taller era de Fidias -precisamente pola xarra¡-, pódese pois afirmar que a realización da estatua de Zeus é anterior á de Atenea Parthenos, o que se debateu moito tempo entre os arqueólogos.





0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir