24 de xuño de 2012

CARL ANDRÉ, WARHOL, KOSUTH

CARL ANDRÉ (MINIMALISMO)


-EQUIVALENTE VIII




CATALOGACIÓN

Autor: Carl André
Arte minimal
Cronoloxía: 1966
Categoría: escultura
Localización: Tate Modern
Carl André (1935-), artista estadounidense se adicou fundamentalmente á escultura na arte conceptual, na arte minimalista e no Land art. Usa principalmente materiais industriais (como no caso que nos ocupa ladrillos cerámicos), madeira ou metal, preocupándose sempre pola busca de formas xeométricas perfectas.

CONTEXTO

A arte minimal é un estilo artístico xurdido nos anos 50 nos EEUU vencellado dende un principio á xeometría como obxectivo formal. Deriva directamente do construtivismo ruso e do neoplasticismo. Os artistas deste movemento queren conseguir o maior nivel de abstracción posible polo que se someten a unha xeometria moi pura e simple. Así se reducen os detalles ó máximo (de ahí o nome do estilo), apostando pola simplicidade e eliminando os elementos sobrantes. Ademais de formas xeométricas simples tamén empregan cores puras, para conseguir orde e precisión.
Hai tamén un desexo de ocultar a man do autor e así as obras soen ter un acabado industrial, impersoal que lles quita calquera aspecto de manualidade.
É unha arte na que a obra non quere representar nada, simplemente é. Os obxectos teñen a única finalidade de facernos experimentar como nos afecta a súa presenza, tanto a nos coma ó espacio que habitamos.
Outros autores ademáis de Carl André son Donald Judd e Sol Lewitt.

ANÁLISE


Estamos diante de 120 ladrillos refractarios dispostos en dúas capas de 10x6 ladrillos. Obra dun escultor que non esculpe, nin talla nin modela, nin funde, toma materiais e os dispón, iso é todo. Nin siquera as monta sobre un pedestal. Mais esas configuracións formais adquiren significado por si mesmas e polo espazo que ocupan obrigando ó espectador a rodealas ou, se o considera, a pisalas.
Esta obra pertence a unha instalación maior chamada Equivalent Series realizada no ano 1966 na Galería Tibor Nagy de New York e que se compoñía de 8 formacións diferentes -sempre da mesma altura- de 120 ladrillos -polo tanto, sempre o mesmo volume-, que superpostos en dúas capas ocupaban todo o espazo da sala e así os espazos baleiros semellaban ser parte indisoluble do conxunto da obra. Entendemos dende este punto de vista o título da obra, xa que cada formación aínda que con distinta configuración ten exactamente a mesma masa, peso e volume, é dicir son equivalentes.
equivalents-installed-at-tibor-de-nagy-nyc-1343261476_org.jpg

André quería xenerar a sensación de horizontalidade extrema que recorda o nivel da auga e o espacio entre as esculturas era tan importante como os ladrillos mesmos polo que é chamativo como é posible que máis tarde se venderan as obras por separado rompendo esta unidade espacial. André solucionouno en parte creando en 1995 unha reproducción desta exposición para devolverlle a unidade á obra.
A compra da obra pola Tate Modern supuxo un pequeno escándalo xa que moita xente cuestionou mercar 120 ladrillos por 2.000 $, pero como pasa habitualmente  có mundo da arte a obra se revalorizou, e hoxe está tasada en torno ós 850.000 $.
A escultura resulta completamente abstracta, claramente concisa, simétrica, premeditada e carente de calquera tipo de efectismo. O artista elaborouna do xeito máis impersoanl posible. André no quere que pensemos que Equivalencia VIII é outra cousa que o que é: 120 ladrillos que forman un rectángulo, pero… si é unha obra de arte, cal é o seu obxectivo? Simplemente ser vista, disfrutada e xulgada en termos exclusivamente estéticos e materiais, polo seu aspecto formal e as sensacións que xenera. Non hai que interpretar a obra, nin hai ningún significado oculto que desvelar, cousa que na miña opinión é moi liberadora. Por unha vez non falta trucos nin coñecementos especializados, só se trata de tomar unha decisión: gústame ou non? A min me gusta!
Will Gompertz: ¿Que estás mirando? 150 años de arte moderno en un abrir y cerrar de ojos. Madrid, Taurus, 2013.

A súa obra causou tanta controversia como o urinario de Duchamp. A prensa satirizou o asunto







WARHOL (POP-ART)



- MARILYN MONROE (POP-ART)




CATALOGACIÓN

Serigrafía sobre lenzo, realizada por Andy Warhol nos anos 1960. Warhol é un dos máximos representantes do Pop Art americano, da nova vida dos anos 60 e exemplo da incidencia do mercado e dos medios de comunicación na arte contemporánea.
Aínda que comeza facendo debuxos publicitarios e cadros coa temática do cómic, pronto pasará a pintar personaxes famosos , como é o caso de Marilyn Monroe e obxectos cotiáns, como os coñecidos botes de Sopa Campbell.
A obra pertence pois ás súas series de personaxes famosos e é un das moitas que Warhol realiza sobre Marilyn, posto que a serigrafía é unha técnica que permite a reprodución case infinita da obra.
O Pop Art sería a expresión dun tempo novo no que o consumo, o rock&roll e a cultura xuvenil acadan gran importancia neste momento en detrimento de outras formas de arte mais elitistas e reflexivas.

CONTEXTO

.....


ANÁLISE
O Pop Art é un movemento artístico que nace a mediados dos anos 50 no Reino Unido (David Hockney) e nos Estados Unidos (Warhol, Lichtenstein, Wasselmann) e que acada moita forza nos anos 60. Ten o seu antecedente directo na obra de Eduardo Paolozzi na obra I was a Rich Man's Plaything (1947), un collage no que mestura obxectos da vida de acotío como representación da sociedade da época. É a primeira vez que aparece a palabra Pop.
Inician un proceso de renovación plástica que trata de responder á excesiva intelectualización da arte e ó seu conseguinte afastamento do público, como sucedía coas elitistas mostras do Expresionismo Abstracto ou do Minimal. Dun xeito irónico, cínico e provocador, os artistas pop cuestionan a sociedade de consumo e poñen en dúbida o lugar da obra de arte, agora un obxecto máis de consumo, efémero e reproducible. Reivindican a arte para a masa, unha arte popular (de aí o termo) que se serva dunha linguaxe que poida chegar a todo o mundo. Non se trataba de indagar no folclore ou na tradición senón de representar as subculturas propias das economías avanzadas eliminando as fronteiras entre a alta e a baixa cultura.
Retoman a figuración, unha figuración obxectiva e simplificada coa que rexuvenecer os contidos agora cheos de espírito xuvenil e divertido. Se viven nunha sociedade de benestar e fortemente consumista, a arte ha representar esa sociedade centrada na vida fácil, sen preocupacións de tipo político ou existencial. Utilizarán todos os recursos que os medios de comunicación de masas poñen á súa disposición: o cómic, a fotografía, o cartel publicitario, a fotonovela, a moda, a música, a televisión; deles extraen as imaxes icónicas da sociedade de consumo e do novo estilo de vida que está nacendo (as estrelas de cine, os produtos comerciais, as piscinas das vivendas burguesas); e repetirán en series os seus produtos de tal modo que a man do artista vai perdendo importancia no canto da produción por medios mecánicos e semimecánicos, como é o caso das serigrafías de Warhol.
Do mesmo modo que para as imaxes, as novidades reflíctense nos materiais -pinturas acrílicas, plásticos- e nas cores fluorescentes e metálicas.
Os obxectos de acotío acadan agora un status artístico que non se entendería sen Duchamp (object trouvé ou obxectos atopados), nin sen os collages e fotomontaxes das primeiras vangardas. É por iso que as obras pop reflicten unha frialdade en consonancia coa simplicidade de contidos, unha superficialidade consciente que Warhol expresaría deste xeito:
Se queredes saber todo o relacionado co suxeito Warhol, mirade simplemente a superficie dos meus lenzos e dos meus filmes e de min mesmo; aí estou! Non hai nada mais detrás.
Aínda sen efectuar unha crítica implícita, algunhas obras pop amosan certa crítica á sociedade de consumo ó presentala fora do seu contexto para que a relación do espectador co produto sorprenda e motive a reflexión sobre a alienación do individuo. O Pop finaliza coa idea de sacralización da obra de arte que xa empezara co Dadaísmo, e expande a arte ao mundo cotián.
Saber da vida da Factory

ANÁLISE

A serigrafía de Marilyn Monroe é unha das obras mais coñecidas de Warhol que reproduce unha fotografía da diva do cine americano e sex-simbol da época. Foi realizada por Warhol cando a actriz xa desaparecera e á que a fama que lle precedería, para o cal Warhol tamén contribuíu coa súa obra, sería moito maior ca que tivera en vida.
Está feita sen prestar atención ao detalle e con cores planas de vivos contrastes cromáticos. A configuración da obra en dous planos, sen profundidade nin perspectiva, remite á linguaxe do mundo do cómic e da publicidade, ao mundo xuvenil e da cultura de masas propias dos anos 60.
Esta obra encádrase nunha serie de cadros que o artista realiza a inicios dos anos 60 de personaxes famosos como James Dean ou Marlon Brando, obxectos do mundo cotián como as botellas de Coca Cola ou os botes de sopas Campbell. Todos eles símbolos da sociedade do momento que mostran a súa superficialidade, a banalidade sen ningún tipo de subxectividade ou reflexión persoal.
A obra pertence a unha serie na que remite o mesmo motivo ata a saciedade, algo que lle permite a técnica da serigrafía que se convertería no seu selo persoal. A Warhol gustáballe a impersonalidade froito deste tipo de traballo semiautomático, pois el chegou a afirmar que o que mais lle gustaría sería acabar convertido nunha máquina. A cara de Marilyn, reproducida infinidade de veces, resaltaba a superficialidade e a banalidade da fama como algo pasaxeiro e no fondo, tráxico. Warhol, que buscaba obsesivamente a fama e que chegaría a ser toda unha estrela en vida no ambiente de Nova York, adoraba todo o que tiña que ver coa fama e a súa fugacidade. Chegaría a afirmar que toda persoa ten dereito a quince minutos de fama.
Así pois, partindo dunha imaxe popular, modificando as cores, acada un resultado visiblemente distinto pero obxectivamente igual.


Entender o proceso das serigrafías de Warhol - Selecciona e recorta a imaxe tomada dunha reviste, de fotogramas de películas, de publicidade, de fotografías de outros ou súas propias
- Fotografía a imaxe sobre filme transparente e amplíaa, aumentando o contraste de negro e branco. Obtén a imaxe en positivo.
- Nunha impresora industrial transfire o positivo á malla serigráfica, introdúcea nunha emulsión fotosensible. Cando seca, pon a imaxe positivada sobre a malla e exponse á luz moi viva. Así a a imaxe queda fixada ma malla creando unha matriz con áreas abertas polas que se introducirá a tinta.
- Delinea os contornos da imaxe na matriz e transfire eses trazos ó lenzo usando papel carbón (fai as copias que precise)
- Elixe as cores e pinta en grandes áreas, axustado ou non ás liñas de contorno
- Unha vez seca a pintura, coloca a imaxe sobre a matriz de impresión, estende a pintura premendo cunha rasqueta para que a tinta penetre nas áreas abertas.

Reelaborado desde The Warhol:silkscreen printing (preme en create your own silkscreen e fai unha serigrafía )




KOSUTH (arte conceptual)

-UNHA E TRES SILLAS





CATALOGACIÓN

Autor: Joseph Kosuth
Arte conceptual
Cronoloxía: 1965
Categoría: escultura
Materia: Fotografía en blanco y negro y silla
Localización: Museo Reina Sofía
Joseph Kosuth (1945-), artista estadounidense formado no campo artístico así como nas disciplinas da filosofía e antropoloxía. O seu traballo abraza as ideas artísticas de Duchamp, pero tamén as teorías dos filósofos Ludwig Wittgenstein (no seu homenaxe titulou a súas obras máis coñecidas como “Investigacións”) e A. J. Ayer.

CONTEXTO

A arte conceptual, coñecida como idea art, information art ou software art, é un movemento artístico no que a conceptualización da obra é máis importante que o obxecto ou a súa representación real. A idea acerca da obra prevalecen sobre os aspectos formais ou sensibles.
O movemento conceptual na arte aparece a finais dos anos 60 con manifestacións moi diversas. A idea principal que subxace en todas elas é que a verdadeira obra de arte non é o obxecto físico producido polo artista, senón que consiste en conceptos e ideas.  Herda un forte compoñente herdado dos ready-made de Marcel Duchamp.
Na arte conceptual, a idea, o concepto, prima sobra a realización material da obra, e o mesmo proceso (notas, bocetos, maquetas, diálogos …) pode ser exposto para mostrar a orixe e desenvolvemento da idea inicial. Outro elemento a resaltar desta tendencia é que require unha maior implicación do espectador non só na forma de percibilo senón coa súa acción e participación.
En definitiva, a arte  conceptual pretendeu demostrar que se podía facer arte sen necesidade de desembocar en cousas (artísticas), que existe experiencia estética sen estar mediada por la obxectualidade. Non se apela ao goce inmediato derivado da contemplación, senón ao xuízo e a contemplación reflexiva.
Desta maneira, a exhibición final da obra carece de valor respecto ao proceso creativo e á elaboración da obra.  É esta unha forma de expresión onde os obxectos presentados invitan á estimulación intelectual de quen os observan, destacando na obra de arte esta capacidade de estimulación sensorial. Os medios utilizados para levar a cabo esta tarefa son o texto, a fotografía, e o vídeo, os cales presentan todas as características necesarias para levar a cabo a misión de que a idea tras da obra é máis importante que a obra en sí.
Entre os seus máis importantes representantes atópanse artistas como Joseph Kosuth, Laurence Weiner, Dennis Oppenheim, Walter de María …

ANÁLISE

Obra formada por unha silla de madeira, a fotografía da silla e a ampliación fotográfica da definición da voz “silla” no dicionario. É considerada unha obra emblemática da arte conceptual.
Na obra hai tres sillas: Temos a definición dunha silla (dereita), a foto dunha silla (esquerda) e, por último, a silla (no centro).
O artista pon de manifesto que non é necesaria a creación dos obxectos, chega coa definición dos mesmos. A través dun obxecto non artístico como unha silla, crea un concepto, unha idea, a idea da silla amosándonos o obxecto, a súa representación (fotografía) e a súa definición (texto). É un único elemento ou son tres elementos diferentes?
Ver a silla como obxecto fai que irremisiblemente pensemos en Duchamp. A obra de Kosuth remite á descontextualización de obxectos, que tanto desenvolvera Duchamp durante os ano 1913 e 1921 cos seus “ready-made” ou “xa feitos”.
Ante obras como unha e tres sillas non cabe máis que preguntarse que é a arte, que é o artista, que é o que debe facer, e ata onde todo pode entrar no terreo do artístico. Asistimos así a un traballo autorreflexivo cuxo centro de atención non é o obxecto alí presentado. O foco está na arte mesma.
Todo na obra é un acto de representación – trátase diso- de algo que é inmaterial e que ten moitas formas de manifestarse: a idea da silla. Trátase dun intento de aproximarse á totalidade dun concepto mediante multiplicidade de representacións.
Kosuth, a través das súas indagacións nas teorías dos filósofos Wittgenstein e A. J. Ayer, descobre que a realidade atópase na linguaxe, que é o único que permite a posibilidade de coñecer e comunicar a realidade.  Desta maneira,  Kosuth aplicou as teorías da linguaxe á arte; as ideas e significados dos obxectos pasaban a formar parte da propia obra, adoptando o paso da apariencia ao concepto e reivindicando o proceso mental para chegar a un resultado artístico, destacando que a arte é moito máis que a presentación de obxectos decorativos.
Unha obra como “Una y tres sillas” logra: unir o artístico co lingüístico, xuntar os obxectos coas palabras, articular a imaxe co discurso
Esta obra de Kosuth de 1965 é un exemplo claro da evolución intelectual que sufriu a arte, sobre todo na segunda metade do S.XX. Dende a arte gremial da Idade Media ata o impresionismo, a obra final era a gran protagonista, e a ela asociábase o proceso técnico. Pero coa chegada dos dadaístas, e fundamentalmente, de Marcel Duchamp, empeza o verdadeiro cuestionamento de “que é a arte?.   
O que nos ven dicir Kosuth é que a arte é un estado mental. Tan importante, ou máis, é o proceso intelectual como a plasmación do mesmo. Situar a idea por riba de nocións como beleza ou estilo, intocables ata o século XX, era revolucionario. A Arte, con maiúsculas, é unha forma de pensar o mundo.  
"Soy un artista en una época en la que la filosofía ha muerto"
Joseph Kosuth





0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir