2 de abr. de 2012

MUNCH

Unha introdución ó Expresionismo



O BERRO




CATALOGACIÓN
Obra de 1893 do pintor noruegués Edvard Munch pintada en cartón con óleo, temple e pastel. Realizou un total de catro versións e unha litografía. É unha das tres obras do Friso da vida.
Corresponde á vangarda do Expresionismo, un xeito de reflectir a angustia do ser humano mergullado na propia destrución o que xa tiña os seus antecedentes en Goya ou en Van Gogh.
A súa personalidade depresiva fai que os temas principais teñan que ver coa angustía de vivir, a morte e o sufrimento psíquico. Desde Oslo pasou a París con 22 anos, pero non se integrou en ningún dos movementos artísticos pois ningún ó seu parecer se interesaban polos estados de ánimo que el quería reflectir.
Nesta obra proponse expresar como unha súbita inquedanza transforma totalmente as impresions sensibles.

CONTEXTO
.........
Munch e o belga Ensor foron os pais desta corrente expresionista de principios do século XX que se desenvolve na Europa Central. Realizaron unha obra atormentada, de cores violentas, rostros esqueléticos e situacións angustiosas, por medio de amplas e crúas pinceladas.
En realidade habería que falar de varios expresionismos, pois a este grupo inicial de Munch seguiron os grupos alemáns denominados A Ponte (Die Brücke), O Xinete Azul (Der Blaue Reiter) e a Nova Obxectividade. Todos desenvolven a súa actividade no período previo á Primeira Guerra Mundial, amosan unha pintura moito máis reivindicativa, e derivan nalgúns casos cara á abstracción e ó cubismo.
O Expresionismo de Munch e Ensor (unha obra súa) resulta ilustrativo do lado pesimista da vida no período de preguerra, un desencanto fronte ó progreso e ó positivismo. A súa pintura caracterízase pola cor pura e arbitraria, agresiva con preferencia polas tonalidades escuras; pinceladas ondulantes que transmiten o ritmo dos sentimentos; formas simples, con marcadas distorsións. En certo sentido pode semellar un novo romanticismo pois prima o plasmar os estados de ánimo do artista sen procurar a beleza ou renunciando ós valores estéticos.
Os expresionistas sentiron tan intensamente o sufrimento humano, a pobreza, a violencia e a paixón que se inclinaron a crer que insistir na harmonía e na beleza na arte só era posible se se renunciaba a ser honrado. Querían afrontar os feitos nus da nosa existencia e expresar a compaixón polos desherdados aínda mellor se era a costa de sacar ós burgueses das súas casillas.

ANÁLISE
Nunha primeira versión titulábase Desesperación, que representa clara e dolorosamente a angustia de vivir expresada por medio do berro.
El mesmo conta a experiencia da que parte:

Camiñaba eu con dous amigos pola estrada. Ocultouse o sol, tinxiuse o ceo dun vermello coma o sangue e eu sentín coma un sopro de angustia. Pareime, apoieime na varanda, indeciblemente canso; por riba da cidade e do fiordo dun azul anegrado planeaban nubes sanguinolentas como linguas de lume. Os meus amigos seguiron camiñando, mentres eu fiquei alí cravado, tremendo de medo. Parecíame que oía o berro inmenso, infinito da Natureza
O cadro presenta unha escena cunha figura en primeiro plano, situada de fronte, mentres outras dúas avanzan cara ao fondo. Todas elas se sitúan no lado esquerdo, paralelas á varanda, posiblemente dunha ponte, que define unha liña diagonal, subliñada polas pinceladas do chan, a única de certa estabilidade da obra. Todo o lado dereito recolle a paisaxe, paisaxe que no é tal, ceo, auga e terra derrétense nun conglomerado de trazos ondulantes e cores estridentes.
As figuras do fondo están só insinuadas, a súa configuración formal queda esvaecida, acentuando así o misterio da escena, é posible interpretalas en contrate coa figura principal como testemuñas mudas, ignorantes da angustia. Son seres que non se cuestionan a súa vida e a natureza do seu propio vivir.
A figura centrada no primeiro plano situase de fronte ao espectador e defínese máis claramente. É sen dúbida o xesto o que chama a atención, o berro da natureza provoca tensión e pánico. Todas as liñas semellan converxer ata ese centro da cabeza que berra, falseada coma unha caricatura. O temor destrúe a anatomía, o corpo treme nunha ondulación única, os trazos do rostro desaparecen pola forza da expresión quedando reducido a unha impactante caveira de ollos desorbitados e as meixelas afundidas. Neste berro profundo toda a natureza se distorsiona coma un eco que coas súas ondas expande o tremor por todas partes ó seu redor, as liñas semellan cobrar vida por medio deses trazos enormes e convulsos que recordan a van Gogh.Tecnicamente o trazo é sumamente solto con liñas que flúen a través do soporte, o que debemos relacionar coa continuidade do tempo, o transcurso da vida, a imposibilidade de deter o destino.
As cores son estridentes e arbitrarias: azuis, laranxas, vermellos. Domina a gama fría no ángulo esquerdo contrastando coa gama cálida no lado dereito. En calquera caso son cores arbitrarias, antinaturalistas, o mesmo que a luz, non hai un foco determinado nin emprego de sombras.
Así pois compositivamente hai dúas partes ben diferenciadas separadas pola varanda. Un lado esquerdo coas figuras e a construción onde dominan os trazos diagonais e as cores frías, e un lado dereito coa natureza -o fiordo e uns barcos- na que dominan as ondulacións en gamas cálidas contrapostas ó redor da lingua escura do fiordo. Tanto unhas liñas como as outras outorgan forte dinamismo ó conxunto. Ambas partes quedan unificadas polas linguas de lume que configuran o ceo.
A diferencia de escala das figuras, as marcadas diagonais e as ondas crean unha clara sensación de espazo que nos leva de diante atrás
A pesar da figuración, nada hai realista, nada está detallado pois o que se representa é a emoción interna, non a realidade exterior: a soidade do ser humano e o seu pesimismo, angustia existencial. O resultado é inquietante, agresivo, impactante pois o aspecto externo do acontecemento está tratado dun xeito naturalista pero o horror interno incide nel para simbolizar os sentimentos, distorsionando e destruíndo a imaxe.
A obra non gustou ó público, non tanto porque transtocara a natureza como porque o resultado prescindira da beleza. Veradeiramente Munch podería responder que un berro de angustia non é fermoso e que deixaría de ser sincero se só mirase o lado agradable da vida.




0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir