07/04/2012

MATISSE

Unha introdución ó Fauvismo



A ALEGRÍA DE VIVIR



CATALOGACIÓN
Óleo sobre lenzo pintado por Henri Matisse, entre 1905 e 1906.  Neste ano foi exposta no Salón dos Independentes en Paris e tivo unha gran aceptación xa que se escapaba do que fixera Matisse ata ese momento.nbsp;
Diante de todo é un estudio da cor como elemento da linguaxe pictórica, pois Matisse entende a pintura como unha superficie coloreada non como a representación de obxectos.


CONTEXTO
Certo que Monet seguía a ser admirado, pero era un home do XIX, e a arte tiña que evolucionar do mesmo modo que o facía a sociedade cos seus avances científicos e tecnolóxicos. As novas xeracións artísticas traballaban nun proxecto de renovación artística que os vai levar por camiños diferentes. Á marxe de calquera dogma, a arte disgregase agora nunha infinidade de tendencias estética e ideoloxicamente dispares que, ademais, sucédense cunha vertixe irresistible, solapándose ou enfrontándose entre elas. Comparten só o seu carácter innovador que os coloca por diante do gusto predominante a liberdade plena do artista, de aí que os resultados sexan distintos e incluso contraditorios. Son as vangardas da arte no seu eterno proceso de renovación.
A unidade de acción creba por completo ó tratar de materializar esa nova arte coa que pretendían ser orixinais en lugar de perseguir a mestría dos grandes artistas do pasado. Dentro da multiplicidade de tendencias, súas son as posicións básicas: as fundamentadas na razón e as fundamentadas na emoción.
A función da arte cambia: por riba de todo está a creatividade e a experimentación, a arte xa non trata de imitar ou copiar, máis que representar interpreta polo que supera conceptos tradicionais como forma, luz, cor ou espazo.
No período que vai ata a Primeira Guerra Mundial (1914-1918), as principais vangardas son: Fauvismo (Matisse), Expresionismo (Munch) e Cubismo (Picasso), xunto co Futurismo (Balla) e a Escola de Paris (Modigliani). Paralelamente xorden as variantes da Abstracción e un pouco despois o Dadaísmo e o Surrealismo.
O III Salón de Outono de 1905 en París, constituíu unha homenaxe ós grandes renovadores da pintura, especialmente a Cézanne. Pero tamén se incluíron artistas mozos que estaban a traballar na superación plástica do Impresionismo. Entre eles destacaba Matisse xunto con Derain e Vlaminck, entre outros.
Os seus cadros caracterizábanse por unha violencia cromática extrema. Servíanse de cores planas xustapostas, aplicadas en grandes manchas independentes das formas.
Contrarios ó Neoimpresionismo pola súa rixidez, ó Impresionismo pola súa lixeireza, ó Simbolismo pola súa evasión espiritual e ó Modernismo polo seu ornamentalismo, buscaban unha nova vía distanciándose polo protagonismo da cor e a autonomía das formas.
A denominación do grupo como fauve, fera, foi dada por un crítico ó afirmar despectivamente sobre as obras dese Salón de 1905: Isto é Donatello entre as feras. Facía alusión a unha escultura neo-renacentista que tamén se expoñía.
En sentido estrito non foi unha vangarda en tanto carece de unidade doutrinaria específica, de feito foi moi heteroxéneo e só permaneceu unido un breve período de tempo. O seu precedente está na obra de Gauguin e de Van Gogh.

ANÁLISE
Estamos ante unha representación da Arcadia ese lugar imaxinario onde os pastores pasan o dia entre bailes e cantos en comunión coa naturaleza, un mundo representado por moitos artistas ó longo da historia, peros sobre todo no Renacemento e no romanticismo. Nun paisaxe irreal e frondoso aparecen unha serie de figuras humanas espidas en distintos planos e agrupadas en distintas composicións: no primeiro plano unha parella de amantes se abrazan e unha figura feminina toca unha frauta; nun segundo plano e con distinto tamaño temos outro pastor debaixo dunha árbore tamén cunha frauta, unha parella de mulleres recostada na herba, unha muller axoenllada recolle flores, outra de pe parece
que se está facendo unha grilanda con flores mentras outras dúas mulleres están abrazadas; no centro un grupo de danzantes fan un círculo tal e como Matissse pintará logo no seu cadro “A danza”. 
O espacio é moi esquemático aínda que podemos recoñecer as árbores que enmarcan a escena, o prado e a herba na que se atopan e ó fondo probablemente a beira do mar. Pero as cores son absolutamente irreais e arbitrarias convertindo a paisaxe nun entorno fantástico. 


A composición está equilibrada cun recoñecible triángulo compositivo en cuio centro se atopa o pequeno grupo dos danzantes en círculo. Os outros grupos formarían unha elipse, un ovoide, en cuio centro teríamos as dúas mulleres recostadas. Seguindo as súas propias palabras en 1908, o que Matisse buscaba era a expresión: “Toda a ordenación do meu cadro é expresiva. O lugar ocupado polas figuras ou polos obxectos, os espacios vacios que as rodean, as proporcións, todo representa un papel. A composición é a arte de ordenar dunha maneira decorativa os diversos elementos a disposición do pintor para a expresión dos seus sentimentos”. 
Como outros moitos pintores desta xeneración se inspiraba na orde, claridade e solidez de Cezanne. Esto provirá en última instancia do concepto de orde clásica dos antigos gregos. Pero para Matisse outro elemento fundamental na obra de arte será a expresión e esta dependerá das cores que use o artista. No uso das cores, Matisse partirá das experiencias de artistas anteriores como Gauguin e Van Gogh que usañán cores sen a intención de copiar á naturaleza. Así as cores para matisse serán as ferramentas para expresar o que el sinte sobre o tema do cadro: 
“Para pintar unha paisaxe de outono non tratarei de recordar as cores propias desa estación, senón que me inspirarei unicamente na sensación que esta estación me produce” .
 Nesta obra o colorido é moi intenso, vivo e brillante e traduce exactamente o que esa arcadia debería transmitir: alegría, paz, felicidade,... Tamén as formas vibrantes e onduladas das figuras humanas e das árbores inciden no mesmo efecto. O rosado dos corpos contrasta cós tonos ocres e amarelos do prado central ou có verde e azul do campo do primeiro plano. Nas árbores usa cores complementarias como o verde e o vermello. Aínda que as cores parecen escollidas de xeito arbitrario en conxunto ofrecen unha grande armonía que xunto coas formas expresan de forma clara a idea do autor.
É curioso que Cezanne no mesmo ano de 1906 elabore un cadro cunha temática e disposición formal tan semellante a este de Matisse, falamos de “As grandes bañistas”, na que ademáis da temática recoñecemos o triángulo enmarcado polas árbores e a disposición nun ovoide das figuras desnudas.






E, ¿onde volveremos ver esta disposición? Solución










0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir