24 de abr. de 2012

LE CORBUSIER, VAN DER ROHE, WRIGHT

Unha introdución



LE CORBUSIER 


-VILA SABOYA




CATALOGACIÓN

Vivenda unifamiliar nas aforas de París, realizada por Le Corbusier entre 1921 e1931. Construída en formigón, emprega ademais ferro nos pasamáns e aceiro para as fiestras. As paredes revístense de xeso branco.
Pertence á arquitectura funcionalista racionalista dentro do denominado Movemento Moderno, é dicir que renunciando ó eclecticismo se rompe coa tradición, e co máis inmediato Modernismo, para optar por formas de vangarda.
Le Corbusier (Charles Édouard Jeanneret-Gris), nado en Suíza pero nacionalizado en Francia, é a figura máis popular e influínte da arquitectura contemporánea. Arquitecto, urbanista e escritor, defendeu a necesidade de adaptar a construción ás necesidades do momento, para o que non era suficiente unha modificación formal senón que era preciso racionalizar e estandarizar a arquitectura como se dunha fabricación industrial se tratase. Segundo escribe no seu libro Cara a unha arquitectura, as vivendas han ser máquinas para vivir, realizadas en serie e cunha grande economía de espazo. O modelo válido tanto para vivendas individuais como para bloques fundaméntanse en formas xeométricas puras (rectángulo, cilindro e cubo), volcado ó interior, sen elementos decorativos engadidos e con medidas a escala humana para o que se serviu dun sistema de proporcións propio, o Modulor de proporción áurea.
Na súa etapa final e desde unha visión máis humanista desenvolve unha arquitectura con maior valor estético, de xeito que, sen abandonar o funcionalismo, separase dos preceptos racionalistas. Serve de exemplo a capela de Notre Dame du Haut en Ronchamp.

CONTEXTO

A semente do Movemento Moderno ten a súa orixe na arquitectura norteamericana de finais do século XIX, concretamente coa Escola de Chicago creadora dunha nova tipoloxía, os rañaceos construídos baixo o espírito utilitario: a forma segue a función.
O triunfo produciuse na década dos anos 20 por medio de tres grandes arquitectos: Gropius, Le Corbusier e Mies van der Rohe. Teñen en común o constante afán de descubrir e explorar novas vías, servirse de todo tipo de materiais (formigón armado, aceiro), aplicar a creatividade e a experimentación superando as formulacións clásicas e historicistas. Será sempre unha arquitectura funcional na que prima a habitabilidade fronte á ornamentación. Non significa que non se procure a harmonía. A beleza estará na súa correcta distribución interior, nunha luz convenientemente tamizada, na súa integración no entorno, no benestar térmico e acústico, ...
Pódense diferenciar dúas tendencias: o Racionalismo (Le Corbusier) e o Organicismo (Lloyd Wright). O primeiro fundamentase no emprego de volumes elementais (cubo, cilindro, cono e esfera) dominando a lóxica construtiva. O segundo, cando os totalitarismos e a Segunda Guerra Mundial detiveron a actividade construtiva, desenvolvese nos Estados Unidos. En resposta á frialdade racionalista, recupera o valor emocional, insiste na adaptación á natureza, defende a harmonía entre as partes e co todo, procura formas escultóricas, máis libres e intuitivas.

ANÁLISE

A obra exemplifica á perfección os cinco puntos nos que o arquitecto resumiu a súa linguaxe construtiva: 1º emprego de pilotes para levantar o edificio sobre o chan, 2º cuberta en terraza axardinada, 3º planta libre, é dicir, que a estrutura do esqueleto permite distribuír o interior de cada planta segundo interese, 4º fiestra horizontal alongada, 5º fachada libre.
Get the flash player here: http://www.adobe.com/flashplayer

Efectivamente estamos diante dun edificio prismático levantado sobre columnas de formigón armado, distribuídas de xeito regular que, como se dun palafito se tratara, o illan do chan e permite conseguir unha superficie totalmente nivelada, deixa o nivel inferior libre para o garaxe; non hai polo tanto muros de carga. Con esa armazón, na que tamén se integra a escaleira, é posible dividir cada planta de xeito diferenciado, os tabiques seguirán a distribución que guste o usuario. As cubertas en terraza permiten configurar espazos de xardín para desfrutar ó aire libre dunha natureza domesticada e un solarium. Fiestras apaisadas, van dun pilote a outro, e con sistema de corredoira, invención súa; van en disposición continua ó longo de todo o perímetro da edificación o que facilita a iluminación do interior e deixa entrar as vistas da natureza en todas partes.

A fachada resulta unha estrutura libre, pois ó non haber muro sustentante poden abrirse vanos en calquera lugar. A planta alta avanza dobre os pilotes cos seus muros como se dun lenzo superposto se tratase.
Fronte ó dominio de liñas rectas, a planta baixa está deseñada en curva, en forma de U, con parede de vidro, unha novidade que terá consecuencias no futuro, o muro cortina. Nesta planta encontrase o garaxe (xiro calculado para os grandes automóbiles da época) con capacidade para tres coches, e as dependencias do servizo. A planta superior organízase ó redor dunha terraza á que dan todas as dependencias: salóns, habitacións, cociña.
Combina escaleira de caracol desde a planta baixa ó primeiro piso, rampla desde ese nivel á terraza.
A vivenda sitúase no medio do espazo natural sen verse por el afectada nin tampouco modificalo, é o espazo continuo que Le Corbusier propugna.
Une a aqueles cinco puntos, volumes puros de influencia cubista, uso exclusivo da cor branca, ausencia de ornato e ramplas exteriores que presentan a vivenda como un paseo arquitectónico. O resultado é unha arquitectura total e absolutamente nova de estudada proporcionalidade e beleza plástica. Con ela consumase a ruptura coa Historia.
Vivenda de luxo, os seus donos deixaron de habitala porque había moitas goteiras. Tras tempo abandonada e a piques de ser demolida, foi declarada monumento histórico.




Created with Admarket's flickrSLiDR.



Ver moitas máis imaxes, tanto do interior como do exterior





MIES VAN DER ROHE

-PAVILLÓN DE ALEMAÑA EN BARCELONA



CATALOGACIÓN
Estamos diante do famoso pabellón alemán para a Exposición Universal de Barcelona de 1929. O seu autor, Mies van der Rohe xa era daquela unha figura senlleira da arquitectura alemana  e un dos máximos expoñentes do que se coñece como o Movemento Moderno, encabezado por Le Corbusier. A obra deseñada por el coa colaboración da arquitecta alemana Lilly Reich vai a ser realizada en menos duna ano.
Este edificio pretende amosar unha nova idea de Alemania, unha Alemania democrática e progresista ben diferente da vella Alemania que provocou e perdeu a 1ª Guerra Mundial. A claridade e simplicidade da construcción será u elemento clave para reafirmar esa visión desta nova Alemania.
En vez de ocupar unha zona central no recinto da exposición de Barcelona Van der Rohe escolleu un rincón aillado e tranquilo onde situar o seu edificio e así o concebiu como un recuncho onde descansar e recuperar forzas para os visitantes á agotadora Exposición,. Este edificio ademáis tiña como única razón de ser facer algunhas recepcións e outros actos conmemorativos e polo tanto o arquitecto puido xogar con total liberdade para o seu deseño.

Rematada a exposición universal a obra foi demolida pero nos anos 80 unha serie de arquietctos catalanes acometeron a reconstrucción do edificio baseándose dun xeito fiel nos planos e nas fotos do pabellón orixinal, e así hoxe a obra é enteiramente visitable en Barcelona.

CONTEXTO
(...)

ANÁLISE
Nesta obra Van der Rohe vai a expoñer de xeito radical algunhas das bases en que se asenta o Movemento Moderno como vai ser a planta libre levada aquí esta idea ata o extremo, o uso dos novos materiais prescindindo do adorno non necesario ou o sostén da cuberta (e do edificio) sobre pilotes.
O edificio está construído sobre un zócalo rectangular de mármore travertino ó que se accede por unhas pequenas escaleiras nun dos lados maiores. Este acceso nos leva directamente a un enorme estanque. De frente, á dereita do estanque habería un pequeno edificio para o servicio. Pero se xiramos 180º terímos o edificio principal que nos sorprende polo seu extraordinario voladizo. Este teito repousará unicamente sobre 8 esbeltas e lixeiras columnas crucifórmes de aceiro cromado. O soster estas columnas o peso da cuberta, todo o resto do edificio é absolutamente libre dende os seus peches ata a distribución interior. Así Mies Van der Rohe concibe o espacio como un único espacio absolutamente fluído e dinámico. O único artellamento do espacio se fai cuns elementos de vidro e de mármore dispostos en forma ortogonal e que marcan certo ritmo no edificio pero que non condicionan o espacio. As portas non son portas e os muros non son muros, polo menos non do xeito no que se fixera a arquitectura ata ese momento. A diferencia da arquitectura tradicional concebida como unha xustaposición de espacios este edificio consiste nun único espacio libre. Este é o gran valor deste edificio que en 1929 asombrou ó mundo e que foi tantas veces imitado na arquitectura contemporánea.

Seguindo coa descripción do edificio este consta de tres grandes bloques de ónix separados entre sí e dunhas paredes exteriores de vidro translúcidas ou transparentes. O edificio remata noutro estanque de máis deducidas dimensións pechado por tres dos seus ladfos por bloques de mármore de Tinos,  onde se atopaba unha estatua feita polo escultor Georges Kolbe, “A mañá”.

Captura de pantalla 2017-04-04 a las 20.07.44.png
Quédanos por describir o enorme bloque de mármore travertino que pecha o gran estanque acompañado dun banco corrido do mesmo material que comunica visualmente coa escultura do estanque pequeno.
Como vimos os materiais empregados nos falan da modernidade da arquitectura: aceiro, vidro e tres variedades de mármores e ónix. As paredes exteriores desaparecen e tan só hai unhas enormes galerias de vidor entre as que se disimulan as portas. O teito pola súa banda é de formigón e voa dun xeito considerable por fora do edificio.
Pero o gran valor do edificio será o uso do espacio libre no interior, na que o xogo de planos superpostos sen elementos estruturais acompañado do contraste das cores e texturas dos materiais e coa transparencia e os refreixos da auga, do vidro e do mármore puído, crearon unha experiencia absolutamente inigualable.


Non debemos deixar de citar a influencia que a arquitectura tradicional xaponesa ten nesta obra. As vivendas xaponesas cós seus espacios abertos sen elemento estruturais que compartimenten o interior, o cal se atopa dividido por paneis móbiles e que establece un contacto visual có exterior, outro elemento que tamén atopamos no pabellón de Barcelona.  

Ollade este video para entender mellor esta obra.


-EDIFICIO SEAGRAM



CATALOGACIÓN

O edificio Seagram é un elegante rañaceos deseñado por Mies Van der Rohe en colaboración con Phillip Johnson, cuio destino era un edificio de oficinas no centro de New York. Foi construído entre 1958 e 1959 e é a obra cume do chamado estilo internacional que é a culminación do que denominamos o Movemento Moderno. Nesta obra Mies van der Rohe levará ó extremo a pureza e simplicidade de formas sen ningunha concesión decorativa que caracteriza a súa obra. Converteuse en modelo para outros moitos rañaceos.

CONTEXTO

(...)
ANÁLISE

O primeiro elemento a destacar desta obra foi a sorprendente decisión de Mies van der Rohe de retirar o edificio da liña da rúa, creando unha gran praza. Sorprendente porque nunha cidade como New York onde o suelo é tan escaso parece estrano renunciar a todo ese espacio edificable. O arquitecto explicou que esta disposición permitía unha mellor visión do edificio, a cal era deficiente na maior parte dos rañaceos neoyorkinos. Así a praza se converteu nunha especie de adro ou recinto diante do edificio, o cal non fará máis que potencialo.

A conexión coa praza prosigue no mesmo edificio que se abre a esta cun alto vestíbulo aberto que parece prolongala. Este espacio ademáis está sostido sobre pilotes e para entrar nel hai que atravesar dous grandes pilares a modo de entrada procesional. A praza se completa con dous grandes estanques rectangulares e pouco profundos a cada lado da praza.
Se observamos o edificio na distancia podemos ver que o edificio ten a forma dunha gran columna clásica, coa basa (o vestíbulo sobre pilotes), o fuste (o bloque de oficinas do edificio) e cun capitel coroándoo (o corpo de tres alturas que remata o edificio).Seagram_Detalle_Ventanas.jpg
Na fachada o edificio deixa á vista a estrutura do edificio, aínda que non cós verdadeiros elementos estruturais, senón cunha “pel” de bronce que exterioriza esa estrutura interna. Así se soldaron nos marcos das fiestras elementos verticais que ó tempo que reforzaban a fachada potenciaban a verticalidade do edificio. Hai que indicar que segundo a lexislación americana antiincendios os revestimentos exteriores do edificio tiñan que ser metálicos o que se corresponde coa estrutura interna do edificio de tal maneira que temos unha reproducción no exterior do interior do edificio.
De novo no interior do edificio temos a característica distribución libre e flexible marca das arquitecturas do Movemento Moderno. Este interior recibe unha enorme cantidade de luz polos grandes ventanais da fachada. O vidro topacio de cor gris daestos ventanais limitaba a entrada desta luz para que non fose excesiva. outra forma de controlar esta entrada de luz era mediante persianas venecianas ás que só se lles permite estar en tres posicións, para evitar que a fachada do edificio perdera harmonía se cada persiana estivese a unha altura libre.
En canto ós materiais empregados de novo asistimos á presencia do aceiro e do vidro(xunto có formigón) como elementos máis destacados.


stringio.jpg275f88d8e9c544db12109114ee7f5ef1.jpg


06161P11.jpg



FRANK LLOYD WRIGHT


CASA DA FERVENZA (Casa Kaufmann)
CATALOGACIÓN
Vivenda unifamiliar da familia Kaufmam no estado de Pensilvania nos Estados Unidos, realizada por Lloyd Wright entre 1936 e1939.
Pertence á arquitectura funcionalista organicista dentro do denominado Movemento Moderno, é dicir que renunciando ó eclecticismo se rompe coa tradición para optar por formas de vangarda.
Nos Estados Unidos estaba a seguirse a tradición da escola Chicago, centrada na construción de edificios colectivos, os rañaceos. Sen embargo Wright, enormemente individualista e independente, traballa en vivendas unifamiliares seguindo a concepción organicista da arquitectura que basicamente consiste en integrar nunha edificación os factores ambientais do lugar. Dito doutro xeito, o arquitecto trataba de integrar en harmonía coa natureza o proceso tecnolóxico, o mundo das máquinas e o desenvolvemento urbano. Subxace tamén na súa obra a influencia xaponesa pois era un grande admirador da arte oriental e apaixonado coleccionista de estampas xaponesas.
A vivenda de tres plantas constrúese sobre un terreo rochoso e mesmo encima da fervenza (o seu son óese desde calquera estancia), no medio do frondoso arboredo.

CONTEXTO

...........

ANÁLISE
Emprega na construción materiais variados, uns tomados da natureza como a madeira e a pedra, e outros procedentes da tecnoloxía moderna, como o formigón armado, o ferro, o aluminio e o vidro. Con eles integranse os elementos naturais: as rochas, a auga e a vexetación.
Tras cruzar unha pequena ponte e unha pérgola de formigón entre a casa e a montaña, un camiño semicircular cuberto une a casa coa vivenda de invitados, que se atopa un chisco máis arriba na montaña.
Composta a base de rectángulos que dan lugar ás diferentes pezas de tamaños e materiais variados, nunha linguaxe de dominio de planos rectos, consta de tres plantas graduadas e deseñadas de xeito diferenciado segundo a súa función, son plantas libres porque do mesmo modo que na Casa Saboya non hai muros de carga. Apoia directamente na rocha e sobre macizos soportes trapezoidais no caso dos beiriles.
A planta inferior organízase a redor dunha sala cunha cheminea que destaca por riba da cuberta nun marcado eixo vertical de pedra sen desbastar. Esa gran sala ábrese ó exterior en todas direccións e con saída a dúas terrazas, unha sobre a mesma fervenza e outra mirando augas arriba. Son terrazas de enorme beiril, toda unha audacia técnica posible grazas ó formigón armado. Desde este espectacular salón xerase toda a construción en expansión centrífuga, crece de dentro a fora, pódese modificar e ampliar a medida das necesidades dos seus habitantes (de feito fixéronse ampliacións).
Na planta superior cada unha das habitacións ten a súa propia terraza disposta nun xiro de 90º sobre a inferior, sobresae menos que ela para non impedir a entrada da luz. Na terceira planta, o estudio e a galería teñen acceso a outra terraza máis.
A continuidade do espazo está claramente resolta xa que nunca chega a construír unha caixa ó modo racionalista, incluso os ángulos interiores van disimulados polos vidros a fin de evitar a sensación de recinto pechado. Crea así sensación de total continuidade entre interior e exterior, pola contra ambos espazos quedan fundidos nunha visión única.
Diferencia os elementos verticais dos horizontais servíndose de materiais diferenciados, así nos primeiros emprega pedra natural do entorno sen enrasar e nos segundos o formigón pintado en cor crema. Se os elementos verticais co gran eixe da cheminea outorgan á edificación un carácter escultórico, as formas horizontais de bordes redondeados suavizan o conxunto.
A carpintería externa das continuas fiestras en aluminio de cor vermella introducen variedade entre o marrón da pedra e o crema do formigón. Nos interiores a carpintería emprega madeira de nogueira e o chan a mesma pedra dos muros.
En conxunto resulta salientable a liberdade espacial coa expresividade das voadas terrazas, o xogo de materiais tanto en textura coma en cor, e sobre todo a inserción escenográfica no medio da natureza de tal modo que as rochas, a auga e a vexetación se funden coa arquitectura organicamente.
A casa da fervenza abriu un novo capítulo na arquitectura americana, para algúns ven ser unha das grandes criticas do movemento moderno e unha obra mestra.
Os costos de construción foron moi elevados, o que fixo que a arquitectura orgánica quedara restrinxida ás posibilidades dunha pequena elite. Foi cedida polo seu dono á Western Pennsylvania Conservancy, sociedade dedicada á conservación do patrimonio ambiental, quen segue a ser a encargada da súa conservación, convertida agora nun museo onde a obra exposta é a propia casa e mailo entorno que a rodea.



MUSEO GUGENHEIM (Nova York)




CATALOGACIÓN
Foi diseñado e construído por Frank Lloyd Wright entre 1943 e 1959, sendo rematada a súa construcción seis meses despois do falecemento do xenial arquitecto. É a súa última obra e unha das máis populares, sendo evidentes os trazos organicistas do seu deseño e máis se o comparamos có modelo cartesiano da cidade de New York onde se atopa. Foi concebido como un espazo museístico especial xa que o autor prescindirá das tradicionais salas de exposición, consistindo o museo nunha única rampa que servirá tamén de espazo expositivo, o que trouxo moitos problemas, debido a que os cadros se tiñan que expoñer torcidos (rampa) e nunhas paredes curvas. Esto lle trouxo serias críticas por parte dos artistas que nel ían expoñer.
A construcción se demorou durante eses 16 anos debido a problemas có concello de New York, por exemplo con respecto á altura e estrutura desa cúpula que finalmente tivo que ser modificada.

CONTEXTO
(...)
ANÁLISE





O edificio é en esencia unha gran rampa circular que trepa arredor dun patio de formigón e que remata nunha gran cúpula de cristal, como se dun moderno Panteón se tratase.
O exterior do Museo Guggenheim é un cilindro branco de formigón reforzado que parece xirar cara o ceo como nun gran remuíño. É como unha grande estrutura escultórica.
No interior como xa explicamos Wright deseña un espazo novo e orixinal para un Museo. Prescinde voluntariamente dos espazos-caixa tradicionais para crear un fluxo contínuo de espazos mediante esa gran rampa que nuha enorme espiral ascende ata a cúpula.
A idea de Wright era que o espectador subise ata a última planta en ascensor e que logo fixera o percorrido descendendo ata a planta baixa, aínda que hoxe non se respete este plan inicial e a exposición comece dende o nivel inferior. Para o arquitecto así se evitaba o percorrido por salas laberínticas que ademáis debían ser “desandadas” para sair do edificio. A ventaxa do novo edificio era obvio. Un único percorrido en descenso sería moito máis agradable para o visitante.
Entrando no edificio nos atoparíamos nun espazo central aberto de máis de 28 metros de altura que remata nunha gran cúpula de cristal. Rodeándoa habería unha gran rampa duns 500 m de lonxitude en 6 plantas que nos levarían ata a última planta.
O espazo expositivo da rampa plantexou problemas xa durante a construcción e así un colectivo importante de artistas protestou sobre a colocación dos cadros nunhas paredes concavas, inclinadas e curvadas. Wright se defendeu aducindo que a colocación dos cadros na rampa tiña un obxectivo que era dispoñelos en perspectiva e cunha boa iluminación, o cal melloraría a súa visión.
Un último problema que plantexa o edificio para algúns autores é a competencia entre o edificio e as obras que conteñen.
Posteriormente se construiu unha gran torre rectangular en caliza branca na que se fixeron salas de exposición máis acordes coa súa función.


0ff3893bb71219c4a99fde0b7013558e.jpg
d701544549bfa5cb1988976d895f9ee1.jpg
3_GreatUpheavalArtAfterDark3111.jpg

CURIOSIDADES, VIVINDO AS VIVENDAS

Vila Saboya é a quintaesencia do movemento moderno, a materialización das ideas do seu arquitecto. Xa na súa primeira obra pictórica, La Cheminée (1918), rendía homenaxe ó Partenón, un cubo blanco de liñas puras que faciliten a lectura da obra. Para os seus propietarios Les Heures Claires, para o seu autor una machine á habiter. Fermosa no medio dun espazo baleiro, un paralelepípedo que semella flotar, pero unha vivenda con problemas.
Pouco despois de se instalar nela, apareceron goteiras e, logo, seguiron aparecendo, ata o punto de que o fillo pillou unha neumonía. Os donos remitiron ó arquitecto repetidas queixas:
Llueve en el recibidor; llueve en la rampa, y la pared del garaje está empapada. Más aún, sigue lloviendo en mi baño, que se inunda cuando hace mal tiempo porque el agua se filtra a través de la claraboya. 
La lluvia hace un ruido infernal en las ventanas del baño impidiendo dormir 
Aínda no 1937 continúan a esixir as reparacións necesarias: 
Después de numerosas reclamaciones habeis por fin reconocido que esta casa construida por vos no era habitable. Es preciso que lo sea. 
Ocupada durante a IIGM polos alemáns e logo polos americanos, sufriu importantes destrozos, ata rematou sendo un almacén. Nos anos 60 foi restaurada e convertida en monumento histórico.

Parece que o señor Kaufmann non quedou descontento coa Casa da Fervenza para os fins de semana pese a que cando viu a localización exacta non lle fizo moita graza, quería que se levántase a carón da fervenza, non enriba dela. Tampouco se fiaba moito da resistencia dos extraordinarios voadizos, polo que esixiu incrementar os reforzos de ferro. Pero, en fin, a vienda resultaba grata, o seu emplazamento no medio do bosque era envexable. A Wright serviulle para, con 67 anos, construír un fito da arquitectua moderna. 
Certamente podía ser húmida -sempre tivo problemas de mofo e de condensación- e fría -os grandes espazos abertos eran difíciles de quentar-; podía ser molesto o constante ruído da fervenza -"quero que vivades coa fervenza, non só que a miredes senon que se converta en parte integral das vosas vidas" en palabras Wright- aínda que non se vía desde o interior; a estética de mobiliario, tapicerías, iluminación,.. todo respondía ós gustos do arquitecto; só contaba con tres dormitorios -o do matrimonio e outro de invitados no primeiro andar, o do fillo no segundo-o que obligou a constrír unha casa de invitados anexa; e por último, os gastos de mantemento resultaron desorbitados. 
No ano 1963, Kaufmann Jr donou a propiedade para convertela en museo. Para pasar tempadas de inverno encargaron no 1946 outra vivenda a Philip Neutra, en Palm Springs, no deserto de California. Unha magnífica vivenda que conserva referencias da arquitectura orgánica, pero está nun lugar ben soleado.

Outro arquitecto maravilloso e outra vivenda problemática: Casa Farnsworth de Mies van der Rohe. Unha vivenda para o descanso de fin de semana, levantada preto de Chicago a mediados do século pasado para a nefróloga Edith Farnsworth, unha muller culta, solteira, intelixente, exitosa profesionalmente. Quería unha vivenda significativa da arquitectura moderna. 
O resultado: unha estrutura metálica e dúas plataformas, a inferior a modo de terraza e a superior rodeada de vidrio, levantada no medio dun bosque, sen sequera un camiño de acceso para non modificar o entorno. Seguindo o seu principio minimalista menos é máis, a única planta é un espazo aberto de absoluta continuidade visual, sen ningún muro divisorio, tan só unha estrutura en madeira alberga a cociña, baños e armarios.


O coste final superou notablemente o presuposto inicial, a doutora denunciou xudicialmente aínda que perdeu e houbo pagar. A revancha foron as críticas públicas explicando as incomodidades da vivenda: de noite é unha lanterna que atrae todos os insecto do redor; as facturas de calefacción eran descomunais mentres que no verano convertíase nun forno; a condensación era imposible de evitar; a estrutura metálica oxidábase; carecía absolutamente de privacidade, máis que nun mirador a propietaria sentíase nun escaparate -de feito o arquitecto esixía que non se puxeran cortinas-; dificultades de ventilación porque non hai fiestras; as inundacións nas crecidas do río chegaban a anegar o interior; escasez de armarios,...


Todo isto lévanos a reflexionar sobre a relación entre estética e necesidades funcionais. Porque hai construccións que esquecen o que son ou para que están. Temos un exemplo ben preto: o mastodonte do Gaiás, o rañaceos de Londres que queima os coches, o edificio Beetham de Manchester que silba co vento, ou a ponte de Calatrava en Bilbao, unha perigosa pista de patinaxe.

 




0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir