7 de set. de 2010

SANTA SOFÍA DE CONSTANTINOPLA

 
CATALOGACIÓN

Arquitectura con función relixiosa, a basílica de Santa Sofía de Constantinopla (actual Istambul en Turquía), da arte bizantina, correspondente ó s. VI na época de Xustiniano da Primeira Idade de Ouro.
Non se concibe como unha basílica para o pobo senón como a gran basílica do Emperador Xustiniano, basílica palatina, construída xunto do seu Palacio e conectada por pórticos columnados. Adicada á “Sabedoría Divina”, a segunda persoa da Santísima Trindade, non é a primeira senón a terceira edificación, ó desaparecer as anteriores por incendios e insurreccións internas. É entón cando o Emperador manda erixir unha nova, a actual, coa que reflectir o poder e a riqueza da corte imperial, que se consagra no ano 537. Segundo a tradición o seu deseño foi inspirado por un anxo que conversaba a acotío co emperador.
Non se regatearon esforzos cos que amosar toda a magnificencia cortesá, factor que había contribuír ó seu esplendor, posto que nela conflúen diferentes funcións: é o centro espiritual do imperio, a catedral dos patriarcas, o escenario de actos estatais e o marco dun magnífico cerimonial no que se manifesta o poder do imperio.
Como é habitual nesta época, aparecen dous autores da construción: Antemio de Tralles como teórico, é dicir, como autor do plano, e Isidoro de Mileto como enxeñeiro materializando a idea do anterior. Ambos estaban especializados en construcións militares, o seu chamamento por parte de Xustiniano é indicativo da importancia que daba á construción: manifestar o seu poder a través dunha grandiosa edificación.
Ós dous nomes anteriores hai que engadir a Isidoro o Novo, sobriño de Isidoro de Mileto, porque é en realidade o que confecciona a definitiva cúpula no ano 568, ó se derrubar a primeira por mor de dous terremotos da década dos 50.
Emprega materiais diversos, o principal o ladrillo, visible no exterior pero oculto por placas de mármore e mosaicos no interior, e tamén pedra, cerámica e tellas para a cubrición.

CONTEXTO

A Constantinopla romana fundada por Constantino I o Grande sobre a antiga cidade grega de Bizancio, chegou a se converter na maior e máis rica das cidades europeas. No 395, Teodosio divide o Imperio entre os seus dous fillos: Honorio recibe Occidente con capital en Rávena, e Arcadio recibe Oriente, o Imperio de Bizancio, con capital en Constantinopla. Se o Imperio Romano de Occidente desaparece coas invasións bárbaras do século V, Bizancio subsistirá ata a súa caída en mans dos otománs no 1453. 
Costantinopla acadou un desenvolvemento artístico e económico considerable, A súa ubicación entre Oriente e Occidente e a súa proximidade a Asia, determinou que pronto adquirise trazos diferenciais do mundo occidental e concretamente de Roma. Nun principio e por influencia grega semellaba unha cidade helenística pero logo asimilará fondamente trazos orientalizantes. 
Diferéncianse tres Idades de Ouro, separadas por períodos de decadencia ou estancamento. O momento de máximo esplendor corresponde á denominada Primeira Idade de Ouro, entre os séculos V e VII e particularmente durante o reinado de Xustiniano no século VI. A etapa remata coa revolta iconoclasta, onde as imaxes serán prohibidas e a arte entra en decadencia. A Segunda Idade de Ouro, séculos IX a XII, vive a expansión cara a Rusia e ó nordeste, e a Terceira Idade de Ouro será o derradeiro renacer de Bizancio. 
Os piares do Imperio foron a economía comercial favorecida pola súa estratéxica situación, a política exterior expansionista e a Igrexa que serviu de elemento de unificación. Fundamentouse no cesaropapismo que supoñía a unión do poder político e relixioso de xeito que o Emperador o era por graza de Deus, era o seu representante na terra.
A potenciar o Imperio serviron as manifestacións artísticas con espazos suntuosos nos que desenvolver a liturxia ó tempo que exaltar a grandeza sobrehumana do emperador, o basileus. É unha arte áulica ó servizo do Estado, vía para amosar o seu poder e riqueza. Disciplinada e conservadora, sometida a regras, tende á uniformidade e ós convencionalismos.
A arquitectura bizantina mantén a grandeza romana á que suma a elegancia de elementos gregos e a suntuosidade oriental. Pero sen dúbida o mosaico, herdeiro do paleocristián, constitúe o sinal máis significativo de Bizancio. Recobre as paredes desmaterializando o muro, e coas súas teselas douradas reflicte a luz cun valor simbólico: é o raio de Deus que se achega ó mundo terreal. Serven para ilustrar mediante imaxes o mundo transcendente, o invisible fíxose patente por medio de símbolos
As edificacións son fundamentalmente relixiosa como o caso da basílica que nos ocupa, pero tamén baptisterios, martyria e mausoleos. Xunto a elas obras de carácter civil como teatros, circos, arcos de triunfo.
Da súa expansión quedaron mostras de grande relevancia, principalmente en Rávena (igrexa de San Vital) ou en Venecia (catedral de San Marcos),pero tamén en Rusia con exemplos como a catedral da Natividade de Kiev. 

ANÁLISE
Ó analizar a planta, resulta sorprendente o modo en que se combinaron a tradición occidental das planificacións lonxitudinais de tres naves, coa tradición oriental de planta centralizada, de xeito que a análise do edificio pon de manifesto a continua dualidade da concepción espacial.
A planta é rectangular, precedida dun atrio porticado e un nártex, pero case cuadrangular con tres naves dispostas en dirección leste-oeste. Pero desde esta configuración, os autores tiveron a habilidade de configurar unha cruz grega inscrita no cadrado. Para subliñar o eixe lonxitudinal, o que leva cara á ábsida, a nave central ten o dobre de ancha que as laterais e un desenvolvemento vertical moito maior. Sepáranse as naves por medio dos grandes machóns e un gran muro de piar a piar aberto en arcadas. A ábsida, semicircular no interior e poligonal no exterior, está flanqueada por outras dúas ábsidas menores, formas en exedra que se repiten a ambos lados da porta de entrada. Logra unha concepción espacial sen precedentes, cunha  sensación de amplitude notable, e unha dinamicidade derivada da alternancia de elementos curvos e rectos, da constante combinación de espazos entrantes e saíntes, que dilatan o espazo e o axilizan nunha continua sensación centrífuga e flexible.
A ubicación da cúpula, ocupando un gran cadrado, centraliza o espazo coas súas dimensións e a luz que entra desde as fiestras da súa base, simbolizando así  o cosmos gobernado por Cristo.
É a cúpula, un fito na historia da arquitectura, a que determina tódalas partes do edificio, pois todo parece estar disposto para resaltala. Cos seus 30 m de diámetro, articulase como unha cuncha gallonada de corenta nervios e corenta plementos curvos. Está construída con ladrillos postos de canto e ánforas con grosos leitos de morteiro para conseguir maior lixeireza. 
Tal peculiar sistema permitiu a apertura de numerosas fiestras na base da cúpula ó quedar libre de pesos, o que inflúe decisivamente no efecto lumínico de Santa Sofia de xeito que provoca o efecto de cúpula colgante, a ilusión visual de que está “suspendida no aire”.
A subxección e contrarresto da cúpula planteou un problema que o Panteón non tivo, pois neste caso todo o seu peso caía sobre un muro circular. Agora non hai muro e o espazo a cubrir é cadrado polo que se serve de catro pendentes para pasar do cadrado ao circulo. A solución comeza por apóiala sobre catro grosos piares que transmiten o peso da cuberta por medio de arcos transversais cara a outros tantos xigantescos contrafortes exteriores, tamén de considerables dimensións. O seguinte paso consistiu en contrarrestar os seus empuxes, o que se logra por medio das semicúpulas que cobren as exedras da cabeceira e dos pés, que á súa vez se contrarrestan coas pequenas exedras que conforman as arcadas que se abren nos ángulos.
Estamos diante dun sistema totalmente orixinal e novidoso polo que o peso da magnífica cuberta repártase nun proceso de soportes e contrarrestos encadeados a modo de baldaquino.
Consecuentemente o muro queda liberado da  función sustentante e pode horadarse con múltiples vanos.
As naves laterais, cubertas con bóvedas de aresta, sepáranse da central por arcadas con arcos de medio punto, asentados sobre columnas de capiteis corintios de follas planas e traballadas con trépano buscando o claroscuro e con cimacios encima, fundidos en capitel albarda, para realzar e sobreelevar o apoio dos arcos. Sobre elas discorre o matroneo ou tribuna, que repite o mesmo ritmo de soportes e arcos que o piso inferior, se ben modificando o número de vanos, cinco abaixo e sete arriba, deixando de lado a harmonía clásica.
En canto á ornamentación, empregáronse mármores polícromos nos piares principais que lograban mitigar a percepción visual do seu grosor; mármores de cores, pórfiro ou basalto, nas columnas que separaban as naves. Especial relevancia enriquecedora e dese fenómeno desmaterializador teñen os mosaicos, colocados precisamente alí onde se dispoñían fachos, de modo que se conseguían unhas reverberacións lumínicas dun brillo prodixioso. Era, sen dúbida o marco idóneo para a manifestación de Deus e do seu lugartenente na terra, o Emperador. A maioría perdéronse, hoxe só conservan algúns diseminados pola edificación, por exemplo os serafíns das pendentes, pero contaba cun Pantocrátor na cúpula e unha Virxe co Neno na ábsida.
Esta riqueza interna contrasta coa sinxeleza exterior caracterizada polo xogo de volumes graduados desa estrutura en baldaquino, que se precipitan a modo de fervenza desde a cúpula principal ás exedras maiores, ás exedras menores e finalmente ás capeliñas do nivel inferior, constituíndo unha auténtica sinfonía de formas construtivas. Ó descender as alturas de cada nivel, o conxunto non resulta abrumador, mais a cúpula perde a importancia que ten pois está disimulada por un tambor cilíndrico que oculta gran parte do seu casquete esférico. Un carácter máis pesado adquiren os contrafortes que reciben os empuxes transversais dos arcos internos. Son tan grosos que as frontes laterais perden algo da axilidade construtiva do resto do edificio.Conservouse intacta pouco tempo, novos terremotos afundiron a cúpula, logo reconstruída. A alteración meirande produciuse cando os turcos converten a basílica nunha mesquita. De aí vén a elevación dos minaretes, a reorientación do templo, que altera o orixinal eixe lonxitudinal da planta pois que a ábsida queda relegada a segundo plano; e a transformación da ornamentación interior, moi pouco afortunada, que afecta ós mosaicos primitivos e empobrece o esplendor orixinal.
Constitúe o cumio da arte bizantina na que se fai patente o abandono do sentir clásico, substituído polo dominio do emocional cunha arquitectura que esconde o artificio técnico para primar as sensacións producidas pola luz, a cor e o espazo.
Exemplifica todos os principios desa arquitectura: basílica palatina que procura convencer ó súbdito do dobre poder que se estende sobre el, creación dun espazo interior dilatado e aberto a través dunha planta lonxitudinal e ó tempo centralizada, cúpulas en baldaquino, desmaterialización dos elementos sustentantes, exteriores sinxelos fronte á riqueza interior.
En tanto unha das máis importantes obras da Historia da arquitectura servirá de modelo a posteriores construcións, se ben ningunha acadou as súas dimensións. Haberá que esperar a chegada do renacemento con Brunelleschi e a súa cúpula da Catedral de Florencia.







Unha clara explicación da obra nesta páxina.

Resulta moi interesante a lectura da descrición feita por Procopio, historiador bizantino do século VI.


0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir