06/09/2010

COLISEO




CATALOGACIÓN
Arquitectura pública para o ocio, un anfiteatro romano na cidade de Roma. Os anfiteatros resultan da suma de dous teatros e son unha creación romana que comezara con construcións en madeira. Neles tiñan lugar espectáculos e xogos cruentos: loita de gladiadores (munera), loita de animais entre sí (venationes) ou cos gladiadores (bestiarii) e simulación de batallas, incluídas posiblemente as batallas navais (naumaquias).
Tratase do anfiteatro Flavio situado ó lado da Domus Aurea de Nerón e da súa figura colosal, de aí o nome. Inaugurado no ano 80 d.C. con xogos que duraron 100 días. A súa capacidade é de 50.000 espectadores en 80 filas de bancadas que eran ocupadas en orde social desde as clases dirixentes ata as clases máis baixas da plebe na parte alta, seguida de mulleres e escravos. 
Foi Vespasiano quen decidiu facer un gran anfiteatro no mesmo lugar dun anterior destruído por un incendio, logo o seu fillo Tito engade o terceiro piso, sen galería e con pilastras. Remata definitivamente Diocleciano.
Materiais: formigón nos muros, nas bóvedas e na cimentación, toba na partes baixas, ladrillo nos muros que soportan as bancadas, travertino para os muros inferiores do exterior en bloques suxeitos por grampas de chumbo e bronce como recubrimento, madeira na bancada superior.
Non hai un autor ou autores recoñecidos, en todo caso, a autoría non ten maior relevancia na arquitectura romana, o relevante é quen encarga as obras, é dicir o Estado, polo que sempre son símbolo do poder imperial ó tempo que se someten ós principios vitruvianos de venustas, firmitas e utilitas.

CONTEXTO

O mesmo

ANÁLISE

Toda a construción está exenta, é dicir, o mesmo que no caso dos teatros, e en oposición ós gregos, a edificación non busca o apoio dunha ladeira, senón que é o cemento romano o que lles permite construír completamente desde o chan.
Como todos os anfiteatros presenta planta oval. As dúas partes principais son: area-o espazo dos xogos-, e a cavea -as bancadas para o asento dos espectadores-.
A area é espazo no que se desenvolvían os xogos e que queda delimitada polo podium, un muro de case 4 m de altura,  que o separaba das bancadas da cavea. Estaba decorado con pranchas de mármore e nichos .
Debaixo da area, con piso de madeira recuberto por area, estaban as dependencias subterráneas para o servizo do propio anfiteatro (almacéns, enfermería e gaiolas dos animais) que constituían todo unha complexa estrutura realizada en ladrillo. No podium ábrense dúas portas: á dereita a Porta Triumphalis, e á esquerda a Porta Libitinaria, por onde se evacuaba nas vítimas.
A bancada ou cavea, dividida en altura en tres sectores: inma, media e summa cavea (a parte superior estaba destinada a mulleres e nenos) é o lugar dos espectadores. Nos extremos do eixe menor erguíanse dúas tribunas para a familia imperial e as maxistraturas. O acceso realizábase con extraordinaria axilidade desde as arcadas da planta baixa a través de corredores interiores, os vomitoria. Os andares sostéñense sobre corredores con bóvedas anulares de canón, con arcos de reforzo embutidos, e de aresta.
Parece ser que toda a cavea podía ser cuberta por un velario, un toldo para dar sombra ós espectadores ou protexer da choiva. Son visibles os mastros no piso alto. A dificultade da súa montaxe obrigaba a que só expertos, neste caso mariñeiros, se ocupasen da manobra .
No alzado exterior quedan claramente diferenciados os catro niveis que se levantan sobre un podium. Os tres primeiros, separados horizontalmente por entaboamentos decorativos, con galerías de oitenta arcos de medio puntos, con semicolumas apegadas nos espazos intermedios, de diferente orde en cada andar (dórica-toscana, xónica e corintia) aínda que son meramente ornamentais non estruturais. Era este un esquema típico de todos os edificios públicos. O derradeiro piso carece de galería polo que resulta un enorme e pesado ático superposto no que alternan panos lisos e panos con pequenas fiestras rectangulares, e presenta pilastras de capiteis corintios, rematando cunha saínte cornixa. 


En conxunto é todo o sistema sustentante de arcos o que define o sentido estético do exterior a partir da combinación da curvatura dos arcos que acollerían esculturas e a horizontalidade dos entaboamentos.
Tecnicamente o Coliseo exemplifica o dominio romano de técnicas construtivas con materiais distintos segundo as necesidades de lixeireza e flexibilidade. Sen esquecer que foi preciso drenar o lugar e facer unha moi fonda cementación. Sobre un basamento de tufo e travertino, ergueuse o esqueleto tamén en travertino conformado polos soportes  fixados no chan e conectados entre si por grandes arcos de ladrillo na parte alta e por outros arcos de travertino en cada andar, son estes os que darían soporte á cavea.  Os muros que unen os piares fanse en toba en opus quadratum, na planta baixa, e en cemento con ladrillo nos restantes niveis. Os perpiaños ían unidos por grampas metálicas. Os elementos decorativos (no podium, nos nichos, nos asentos das primeiras filas) estaban realizados en mármore pero hoxe conservase moi pouco. 
O Coliseo é o anfiteatro maior do mundo, serviu de modelo a outros levantados nas cidades romanas (Nimes en Francia, Verona en Italia, entre os mellor conservados). Resulta un exemplo claro da eficacia da enxeñería romana, nun edificio plenamente funcional, á que se suma o sentido estético de base grega (hai unha evocación dos perístilos gregos) con achados que han ser imitados, principalmente a superposición de ordes.


Síntese en imaxes e vídeos








DE GLADIATORIBUS ET CARMINA Nos ludi romani, inicialmente vinculados a festas relixiosas, predominaba o divertimento e o espectáculo a diferencia das competicións gregas. Sufragados e organizados polo Estado, ou por maxistrados con intereses públicos, pronto os xogos adquiriron un papel político como exhibición do poder dos gobernantes e un modo de evitar conflitos sociais entre unha masa urbana que vivía en Roma sen oficio nin beneficio só pendentes do panem et circenses.
Se ben o espectáculo principal eran as carreiras de carros no circo, as loitas de gladiadores - de gladius, espada- nos anfiteatros seguíronnos de ben preto.
Unha xornada no anfiteatro comezaba coa pompa, a entrada pola Porta Triumphalis que só se abría nestas ocasións. Desfilaban os organizadores, os portadores das cartelas cos nomes dos combatentes, e os propios gladiadores con vestimentas de fortes cores. Todos acompañados do soar de instrumentos de vento (trompetas, cornos, bucinas).
Pola mañá, como para facer boca, tiñan lugar as venationes, loitas con feras traídas de distintos puntos do Imperio. Procurábase que foran animais exóticos como leóns, leopardos, xirafas, osos, antílopes, crocodilos,.... Soltábanse famentos na area para loitar entre si ou con gladiadores. Ás veces para mellorar o espectáculo recreábase a paisaxe do seu hábitat de orixe.
 
Recreación de venationes no Coliseo

 Cóntase que nos 100 días de xogos para inaugurar o Coliseo deuse morte a 9.000 animais. Esta cifra aínda foi superado por uns xogos de Traxano no que se mataron 11.000 animais en 120 días.
En algunha ocasión tiñan lugar naumaquias, simulacros de batallas navais.
A  mediodía, cando moitos ían xantar, aparecían os acróbatas, malabaristas, magos,... pero tamén tiña lugar a execución dos condenados a morte. As execucións eran moi variadas: por espada e por animais era o mais simple xunto coa decapitación ou a crucifixión; máis interesante para o público era cando se organizaba unha reconstrución teatral de inspiración mitolóxica: o condenado voaba como Dédalo ata se estrelar no chán, ou era atado a unha rocha como Promoteo para ser devorado polas feras (son exemplos contados por Marcial).
Pola tarde viña o prato forte: as munera, as loitas de gladiadores. Os espectadores gostaban especialmente dos cruentos enfrontamentos entre gladiadores con escudos de distinto tamaño, pequeno (tracios, hoplómacos y provocatores) e grande (samnitas, mirmilones e secutores) pero tamén das loitas dos retiarios -con rede e tridente- e dos essedarios -sobre carros-.
Non hai constancia certa de que se pronunciase antes da pelexa o coñecido saúdo Ave, Caesar, morituri te salutant Salud, César, pero !que ben queda!.
As habilidades e as técnicas de loita eran admiradas e aplaudidas con paixón polo público que apostaba por un vencedor, se ben as apostas non eran tan fortes coma no circo. A decisión de vida ou morte do vencido estaba nas mans do organizador dos xogos, tras de escoitar os berros do público ¡iugula! ou ¡mitte! (mátao ou libérao). Pulgar arriba significaba vida, polgar abaixo era a condena a morte que se executaba de inmediato introducindo a espada polo pescozo en dirección o corazón. Nos xogos inaugurais do Coliseo morreron ou foron executados 2.000 gladiadores. Os éxitos equivalían a recoñecemento social: os poetas os cantaban, as damas os amaban (conta Juvenal que Eppia, muller dun senador, abandonou home e fillos para fuxir cun gladiador) e os patricios os enchían de regalos. Eran os heroes do seu tempo, especialmente nos períodos de paz.
Coñecemos algúns dos seus nomes porque os cantaron os poetas ou polos graffiti, particularmente dos múltiples achados en Pompeia como este de Marcus Atilius quen matou a un gladiador vencedor en trece enfrontamentos consecutivos, debuxado loitando.
Marcial transmitiunos o épico enfrontamento entre Vero e Prisco na inauguración do Coliseo, eloxiando tamén algún outros ben famosos no seu tempo;

- Hermes, delicia marcial do século; Hermes, destro no manexo de todas as armas; Hermes, gladiador e mestre de gladiadores; Hermes, terror e o espanto dos seus rivais; Hermes, o único ó que teme Helios, [...] Hermes, riqueza dos que alugan as localidades, Hermes, preocupación e coidado das mulleres dos gladiadores [...].

- Xunto de toda a gloria que tivo, Meleagro, a túa fama, ¡qué pequena parte é da de Carpóforo! ¡Un xabaril abatido! El, ademais, cravou os seus dardos a un oso que lle atacaba, o maior que houbo na acrópoles ártica, e derrubou un león asombroso polo seu tamaño nunca visto, que puido ser digno das mans de Hércules, e dun golpe, lanzado de lonxe, abateu a un veloz leopardo. Pois cando recollía os seus premios, ¡aínda lle quedaban forzas! 

- Aquel -Carpóforo- levantou facilmente có pescozo un par de becerros, e diante del rendéronse un feroz búfalo e un bisonte; e un león, fuxindo del, veu caer boca abaixo sobre as armas. Anda agora, populacho,quéixate de que daba largas
Para repoñer o ánimo de tanto sangue, rematamos cun poema de Lord Byron do seu libro As peregrinacións de Childe Harold. Acompañámolo cun gravado inglés no que aparece o propio Byron, recostado no chan interrompendo a lectura dun libro para para deterse a contemplar o Coliseo.
¡Arcadas sobre arcadas! No parece sino que Roma,

los principales trofeos de su historia,

los ha querido reunir en un solo monumento,

este monumento es el Coliseo; los rayos de la luna resplandecen en él

como otras tantas antorchas destinadas a iluminarlo

que sólo una luz divina debe resplandecer aquí; en esta mina de

meditaciones,

mina por largo tiempo explorada, pero siempre inagotable;

y el sombrío azul de una noche de Italia, en que el

firmamento adquiere colores tales.








0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir